Convivio da Cultura Galega

 Posted by at 13:44 on 05/07/2016  Debates
Xul 052016
 2016-07-05T13:44:25+00:00

Por terceiro ano consecutivo, oVOLANTINAS CONVIVIO Convivio da Cultura Galega impulsado desde a Casa-Museo Manuel María, a federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela terá lugar o sábado 9 de xullo.
O Convivio quere ser, sobre todo, unha xornada lúdica e festiva, de convivencia, de recuperación do espírito comunitario da tradicional romaría da Santa Isabel de Outeiro de Rei, de foliadas e merendiñas. Todo isto arredor da figura de Manuel María, que dedicou por enteiro a súa vida á construción dunha cultura propiamente galega, dun país normal e normalizado, e que tanto colaborou co nacemento de tantas asociacións e proxectos culturais.

Animámosvos a que participedes nesta xornada festiva en Outeiro, o único requisito é que traiades o voso xantar… e moitas ganas de festa. Achegámosvos o programa que se desenvolverá durante toda a xornada :

11.00 Recibimento na horta da Casa-Museo de Manuel María por parte das bandas de música de Solfa, de Rábade-Begonte-Outeiro e xuvenil de Rianxo.

11.30 Saída a pé para a carballeira de Santa Isabel con parada no cemiterio de Outeiro de Rei para realizarmos unha ofrenda a Manuel María

12.00 Actuación na carballeira de Santa Isabel da Banda de Música de Rábade, Begonte e Outeiro, dirixida por Armando Morales; Banda Xuvenil da Escola de Música de Rianxo, dirixida por Rafael Collazo; e a Coral e Banda de Música de Solfa, dirixidas por Francisco Tobar e Fernando Rey.

14.00 Xantar. Cada quen trae a súa comida. O espazo conta con algunhas mesas e a organización pon as cadeiras.

16.30 Encontro do asociacionismo de base. As directivas de distintas entidades culturais do país reuniranse ás 16.30 para artellar algunha actuación en común para o vindeiro ano.

17.00 Foliada na carballeira aberta á participación de quen queira tocar, cantar, bailar… Contacta con nós en contacto@casamuseomanuelmaria.gal (tfno 698177621). Anima a festa: Xurxo Souto.

19.15 Actuación de Uxía presentando o seu disco “Uxía canta a Manuel María”.